Varias asociacións de Vigo querélanse polos danos no patrimonio que causan as luces do Nadal
Os denunciantes piden que actúe a Fiscalía logo de non obteren resultado as denuncias que presentaron ante o propio Concello e ante Patrimonio da Xunta
Soster once millóns de luces en máis de catrocentas rúas da cidade olívica implica facer moitos buratos nas paredes, para colocar as ancoraxes nas que se amarran os cabos das lámpadas. E moitos deses furados fanse sobre fachadas de edificios protexidos.
Non é só por un furado. Son centos de furados que cada ano se practican en fachadas e muros de edificios protexidos ou catalogados como ben de interese cultural. O dano é en conxunto, sinala Fernando Carrera, membro da Asociación Vigo Histórico, que traballa na defensa do patrimonio arquitectónico e cultural de Vigo.
Diversos colectivos de veciños en defensa do patrimonio histórico decidiron levar o caso á Fiscalía, logo de caeren no silencio as denuncias que xa puxeran ante o propio Concello e ante a Xunta.
Vendo que ninguén actuaba, decidimos que sexa a Fiscalía quen se pronuncie sobre se os feitos poden ser constitutivos dun delito penal, manifesta Alba Novoa, presidenta da Asociación Vigo Centro, que promoveu a querela e que leva anos denunciando os danos e as molestias que a iluminación do Nadal provoca aos veciños da zona centro de Vigo.
Os denunciantes aseguran que a empresa instaladora actúa con certa impunidade, xa que non consta proxecto nin supervisión municipal dos traballos.
Moito tememos que non haxa ningún proxecto e que se actúe pola vía dos feitos consumados: que a empresa instala onde quere e como quere, comenta Fernando Carrera.
"Non se trata de non instalar luces no Nadal, senón de poñelas dun xeito diferente, sen causar danos irreparables a edificios protexidos, como pode ser a colexiata", remarca Alba Novoa.
Un mal que se suma á morea de cables que aínda decoran moitas fachadas da zona vella. O meco que arderá no Entroido deste ano, que representa a figura do Grinch coa lenda "Non pararán o Nadal", interprétase como resposta do goberno local ás asociacións denunciantes.