Veciños dunha parroquia de Sarria denuncian o mal estado do acceso ás súas vivendas
É unha pista estreita e en moi mal estado que se anega cando chove
Como alternativa aos pasos a nivel que van suprimir construirán unha nova ponte que obriga a dar un importante rodeo
No lugar de Chorente, no concello de Bóveda, a supresión dos dous pasos a nivel que teñen na zona achega numerosos problemas para o seu día a día. Ademais do mal estado que presenta, denuncian que é moi estreita para o paso de vehículos grandes e quéixanse de que se anega cada vez que chove.
"A estrada está toda desfeita, deixaron un poste no medio do camiño e cando chove anégase e non se dá pasado".
"É terrible, non sei por onde pasar. Non hai espazo para escaparlles ás fochancas".
"Quedamos sen entrada a vehículos grandes, vehículos de emerxencias ou un autocar".
Ademais, como alternativa ao peche destes pasos a nivel van construír unha ponte noutra zona máis afastada e denuncian que van ter que dar un gran rodeo, imposible para moitos maiores que ata o de agora cruzaban andando cara á farmacia ou ao supermercado.
"Para ir ao supermercado imos ter que dar un rodeo de dous quilómetros, e hai moita xente maior que antes o facía andando e agora a ver como fai".
Din que van quedar medio illados e piden outras medidas, como un paso subterráneo máis céntrico.
"É un problema moi grande, tíñannos que facer ou un paso subterráneo ou por arriba".
"Nós demandamos un paso peonil máis cerca para a xente maior que vai andando".
Os veciños centran as súas queixas no Concello, ao que culpan de pedir a supresión dos pasos a nivel sen prestarlles atención ás necesidades veciñais e sen colaborar para un mellor acceso á zona.