Os terreos das torres do Garañón, en Lugo, un aparcadoiro improvisado
Ante o perigo que supón pola súa pendente, a área municipal de Urbanismo requírelle á propiedade que peche a parcela
As polémicas torres do Garañón, en Lugo, permaneceron paralizadas durante 15 anos, e finalmente foron derrubadas en 2023 por se tratar dunha obra ilegal.
Nos últimos meses, a cerca que pechaba os terreos acabou por tombarse por completo, o que foi aproveitado por moitos condutores para usar este recinto como aparcadoiro. O máis grave é que esta especie de 'leiraparking' improvisado, con herba e en pendente, non resulta seguro nin para os vehículos nin para os seus ocupantes.
Actualmente, a propiedade destes terreos corresponde ao Banco Santander. A área de Urbanismo do Concello de Lugo vaille requirir, polo tanto, á entidade bancaria que peche de novo a parcela. Entrementres, as prazas para aparcar na zona seguen a estar moi disputadas, debido á proximidade dos xulgados e de varios institutos.
Co fin de eliminar a edificabilidade dos terreos e convertelos en zona verde, as autoridades locais prevén modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal.