Falece o avó dun árbitro agredido nun partido de balonmán cadete en Sanxenxo
Tras permanecer máis de dous meses ingresado, o home de 68 anos non puido superar as graves lesións sufridas o pasado 15 de decembro de 2024
Investigan o agresor por homicidio imprudente
Bágoas, silencio e tamén indignación ás portas da tenda de deportes do Grove que era propiedade da vítima. O dono morreu despois de pasar dous meses en coma a consecuencia dunha agresión nun partido de balonmán que arbitraba o seu neto.
"Isto non debeu suceder nunca. Todo por defender o seu neto dos insultos doutro espectador, é unha desgraza", di un veciño.
Os feitos producíanse o pasado 15 decembro no pavillón de Vilalonga, nun encontro cadete feminino entre o Rasoeira e o Sanxenxo. O finado pediulle a un espectador que deixara de insultar o seu neto, de tan só 15 anos. Segundo as testemuñas, a resposta foi un empurrón que acabou tendo consecuencias fatais.
"Era unha persoa moi coñecida e querida no ámbito do deporte, unha gran perda. Agardamos que nada así volva pasar", lamenta unha veciña.
Nunha emotiva carta, a Federación Galega de Balonmán amosa a súa consternación e pide perdón ao falecido.
"Hai un presunto culpable, pero moitos responsables, nós os primeiros. Levamos moito tempo tratando de previr este tipo de comportamentos e non logramos dar coa tecla axeitada a tempo", explica Bruno López Molina, presidente da Federación Galega de Balonmán
Din que non é un caso illado. Anuncian medidas para tentar atallar a violencia nas competicións e piden unha reflexión de toda a sociedade ante o sucedido.
"Temos que plantexarnos que fai un adulto presionando un menor no campo, non pode ser que o goce duns sexa a costa do mal trago doutros", engade o Presidente da Federación Galega de Balonmán.
Mentres, o Concello do Grove anunciou 3 días de loito oficial e unha concentración para este martes en repulsa da violencia no deporte e na memoria dun dos seus veciños máis queridos.
Investigan o agresor por homicidio imprudente
O Xulgado número 2 de Cambados modificou o delito polo que se investiga este home, xa que ata o momento da morte incoara un procedemento por un delito de lesións.
Pero agora, o xulgado investigará este home por homicidio imprudente, polo que xa foi chamado a declarar coa nova cualificación.