Continúan aumentando as agresións físicas e verbais aos sanitarios da área sanitaria de Vigo
Unha enfermeira, da área de Dixestivo, tivo que acudir a Urxencias logo dunha agresión física e verbal por parte do familiar dun paciente
Os traballadores do Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, concentráronse esta mañá no vestíbulo do centro para denunciar unha nova agresión a un facultativo. Unha enfermeira, da área de Dixestivo, tivo que acudir a Urxencias logo dunha agresión física e verbal por parte do familiar dun paciente. Sucedeu o xoves, cando non lle permitiron acceder a unha zona restrinxida.
Os sanitarios din estar fartos dunha situación que se repite con frecuencia. Piden seguridade nos seus postos de traballo e medidas que poidan prever estes episodios xa que en 2024 houbo 85 denuncias por agresións físicas, só na área sanitaria de Vigo.