Preocupación entre os taxistas da Coruña por dúas agresións seguidas
No primeiro caso, o cliente sacou unha navalla; ambos profesionais plantáronlle cara aos seus agresores
As dúas agresións, en poucos días e en poucos metros, manteñen en alerta o sector
Modus operandi moi similar. Catro da mañá. O cliente sobe na parada de Mato Grande para supostamente ir a Betanzos.
"O compañeiro, dada a hora da mañá e as circunstancias, pediulle un anticipo do servizo. Sacoulle unha navalla", explica Ricardo Villamisar, presidente da Federación Galega do Taxi.
Por sorte, nin arrancara da parada. Forcexou con el e o agresor fuxiu. O segundo taxista tamén se enfrontou cos seus agresores. Eran dúas persoas e tivo que deter o coche á altura da fonte das Paxariñas. A policía interveu pero o home non puxo denuncia.
As dúas agresións, en poucos días e a poucos metros, manteñen en alerta o sector.
"Un pouco de incerteza porque ti estás aquí, estás de costas ao cliente e moitas veces nin o ves. Non sabes o que está facendo atrás", comenta unha taxista que leva 20 anos ao volante.
A noite xoga na súa contra, pero a favor teñen a experiencia. Chéiranos.
"Cando vexo de que padecen xa non os levo. Dígolles que non. Pídenselle os cartos por adiantado e xa non queren facer o servizo", confesa outro profesional.
"A maneira de subir da xente, onde senta no coche..., son cousas que hai que ter en conta cando ven alguén sospeitoso. Se se pode non arrancar con eles, mellor esperar na parada porque sempre virá algún compañeiro. Se te levan ás aforas da cidade ou a algún punto fóra da mesma, sempre é máis complicado reaccionar", engade Antonio Vázquez, presidente de Radio-Taxi.
E en contra do que pode parecer, no taxi non están sós.
"Temos contacto permanente co 112, distintos compañeiros xa puxeron cámaras de gravación interna e temos a aplicación que nos conecta directamente coa policía, a Alertcops. Unha vez que se pulsa o botón de perigo, pola xeolocalización, a policía xa identifica o punto de perigo", aclara Villamisar.
As cámaras de seguridade son o reforzo máis novo que teñen. Piden axudas para colocalas en toda a frota.