Todo o que se perde dentro dos taxis
Teléfonos, chaves, carteiras e lentes son os obxectos que máis perden os clientes dentro do taxi
Coas horas que botan os taxistas dentro dos coches ven de todo, escoitan de todo e tamén recollen todo tipo de obxectos perdidos.
"No aeroporto collín un cliente que era un piloto de avións e deixou a maleta no taxi e levaba as chaves do avión".
"A un compañeiro deixáronlle un xamón", contan uns taxistas.
Segundo un informe dunha empresa que ofrece servizo de taxis por toda Europa, os españois somos os que máis obxectos esquecemos dentro dos taxis e algúns son realmente curiosos. Máis alá das anécdotas, os móbiles encabezan a lista do máis perdido, aínda que en Galicia tamén quedan moitos paraugas.
"Teléfonos, carteiras, chaquetas, de todo".
"Algún maletín, non?".
"Un suplemento de lentes".
"O outro día caeume do peto un paquete de tabaco".
"Si que me coincidiu unha vez, unha carteira. Non aquí, en Sevilla", narran varios clientes.
"Perdemos as cousas ou esquecémolas, simplemente os teléfonos, algunhas bolsas ou o que sexa", apunta un taxista.
"Unha vez quedou un bolso con 3.000 euros e videocámaras", conta Antonio Asorey, condutor de VTC.
E neses casos que se fai?
"Retémolos, avisamos a central de que os temos e se preguntan ben e se non entregámolos á policía", explica o taxista.
"Hai veces que non o ves porque ao mellor quedou no medio dos asentos, é complicado. Empeza a soar un móbil e tes que dar volta e levarllo á xente, moitas veces, tentamos quedar ben co cliente sempre", continúa Antonio.
As quendas de noite son as máis propicias para esquecer algo no taxi.
"Imos como imos ás veces para casa e esquecemos as cousas", conclúe o taxista.