A Paquita e o Nicanor inauguran o tradicional Carnaval de Seixalbo
As cabezas das súas personaxes principais deste entroido teñen centos de anos, 103 a Paquita e uns 70 a do Nicanor
Para ocultalas das autoridades durante a ditadura, a do Nicanor perdérase
Toda a veciñanza mantén viva a súa tradición; este domingo celebraron o Domingo Oleiro
E ademais dos entroidos máis coñeciños, xa saben, os do triángulo máxico, Verín, Laza e Xinzo, hai festas máis pequenas, pero tamén cheas de tradición. É o caso do Carnaval de Seixalbo, unha vila do Concello de Ourense. Alí os reis son a Paquita e o Nicanor, unha parella con moita historia.
"A Paquita e o Nicanor é un matrimonio que naceu no 1850-1960 non temos moi clara a data. E aparece en todos os entroidos presidindo o Entróido. Saen dunha casa onde están gardados durante todo o ano e a familia que os ten en acollida, tenos que ter con tres comidas e unha semana de vacacións", conta Xosé Carballiño, o presidente da Asociación de Veciños de Seixalbo.
Semella que a Paquita de Nicanor veñen doutro planeta ou doutra galaxia, pero eles, e o seu suposto fillo Vicentiño, son as almas do entroido de Seixalbo.
Contan que A Paquita, O Nicanor e o Vicentiño teñen poderes de fertilidade entre as parellas que os acollen.
"A parella que os tivo o ano pasado tivo un neno, por agora nós non, a ver..."
"Estiveron con nós na casa, son de bo comer, non sei se van querer repetir, pero este ano seguramente lle toque a outra familia".
A familia elixe a temática da que van disfrazados e toda a veciñanza participa na comitiva. Aquí celebran o domingo Oleiro co xogo das olas polas prazas da vila. E van aparecendo os entroideiros.
"Isto non pode faltar, chova ou neve, mentres o corpo aguante, adiante", di un veciño de Seixalbo.
E comeza a festa... A Carmen coñecida como a Canaria tiña ganas duns bailes, deixou o caxato e bailou co mozo cunha amiga. Tamén xogaron á piñata.
As próximas citas en Seixalbo son o Domingo e o Martes de Entroido cando queiman os corpos da Paquita e o Nicanor e outras parellas da vila custodirán as súas xa centenarias cabezas.