Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Radio Galega celebra este luns o seu 40 aniversario

A Radio Galega celebra este luns o seu 40 aniversario

Locutores e profesionais actuais e históricos da emisora mestúranse para lembrar momentos clave dos que foron testemuña

Kiko Novoa, no ‘Galicia por diante’, paseará en directo polas rúas de Santiago falando con convidados, xornalistas e veciños

Os profesionais da ‘Xeración Z’ mergullaranse nos arquivos para ensinar ao público como eran as redaccións nos anos 80

Unha xornada especial que poderá seguirse tamén en AGalegaAudio.gal e na canle de YouTube MiraRG

G24.gal 23/02/2025 16:19

A CRTVG celebra en 2025 os 40 anos das súas primeiras emisións: en febreiro, as da Radio Galega, e en xullo, as da TVG.

A Radio Galega celebra este luns o seu 40º aniversario. A emisora pública iniciou as súas emisións o 24 de febreiro de 1985, coincidindo daquela co aniversario de Rosalía de Castro.

Para conmemorar estas catro décadas de historia, a Radio Galega prepara unha programación especial en que regresarán, por un día, as voces que marcaron a traxectoria da canle. Ademais, a emisora sairá á rúa para compartir esta celebración cos seus oíntes.

Unha xornada chea de historia e recordos

Emblemáticos locutores da Radio Galega como Chus Castro, Xosé María Fernández Pazos, Xaime Escudeiro, ou Pichi Varela volverán coller o micro azul para revivir algúns dos momentos máis destacados da súa carreira, e ao longo do día serán preto dunha vintena os profesionais que traballaron na emisora durante estas catro décadas os que visitarán os estudios para compartir as súas experiencias.

O programa especial arrancará ás 6:00 horas co ‘Galicia por diante’ desde o estudio multimedia e, a partir das 9:30 h, Kiko Novoa trasladará a emisión ás rúas de Compostela conversando durante o percorrido con convidados e veciños.

Tamén haberá emisións especiais doutros programas históricos: ‘Diario cultural’ explorará a evolución da cultura galega nestes anos; ‘A tarde’ conversará con Antonio Lores, o técnico que instalou a primeira emisora da Radio Galega; e ‘A crónica das 19:00 horas’ retransmitirase por primeira vez con público en directo desde o estudio.

‘Diario cultural’ viaxa a 1985

No programación dedicada á cultura, a RG reunirá este luns a varias figuras clave do panorama galego de 1985: a pintora e membro do colectivo Atlántica, Menchu Lamas; Pepe Ferreirós, membro fundador de Milladoiro, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Os convidados reflexionarán sobre o contexto cultural da época na que naceu a Radio Galega.

Unha ollada ao pasado… desde o futuro

Os profesionais da ‘Xeración Z’ da RG mergullaranse na historia da emisora para descubrir como era o traballo nas súas primeiras redaccións, cando aínda non existían Internet nin teléfonos móbiles. A xornada estará chea de anécdotas e testemuñas que lembrarán os inicios desta radio, que naceu nun antigo palacete abandonado en Santiago e que hoxe opera desde un innovador estudio multimedia á vangarda das multiplataformas dixitais.

A TVG únese á celebración

A conmemoración do 40º aniversario transcenderá as ondas radiofónicas a través da TVG. O informativo matinal ‘Bos días’ visitará a emisora en directo para darlle as primeiras felicitacións do día, mentres que programas como ‘O termómetro’, ‘Quen anda aí?’ e ‘Hora galega’ conectarán con San Marcos para compartir esta data sinalada.

Toda a programación especial poderá seguirse en directo na Radio Galega, en AGalegaAudio.gal e na canle de YouTube MiraRG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade