O Orillamar da Coruña abandona un torneo no Porto pola violencia vivida no campo
O club viaxara a Portugal con cinco equipos das categorías inferiores e decidiu retirarse tras presenciar varios altercados
Asistiron desde as bancadas a tres episodios violentos no campo de fútbol e optaron por abandonar a competición. A decisión do Orillamar, un club coruñés que participaba no torneo internacional do Porto, foi drástica, pero coherente cos valores que queren transmitirlles aos xogadores, nenos de entre doce e dezaseis anos.
O fútbol base debería ser un espazo de socialización e de desenvolvemento persoal para os nenos e os adolescentes. As dun terreo de xogo convertido en campo de batalla, son intolerables, e así o entenderon no club coruñés.
"Decidimos retirarnos do torneo porque era insostible polo efecto contaxio que se podía producir. Non podes controlar os nenos no campo. Se lle dan un golpe a un, que lles dis aos pais?", pregúntase Jesús López Alonso, secretario do club.
O Orillamar desprazara ao torneo portugués cinco equipos das categorías infantís e cadetes. Regresaron Á Coruña antes de tempo porque este episodio agresivo, que involucrou xogadores, corpos técnicos e algúns pais dos dous equipos, non foi o único que presenciaron desde as bancadas.
"Eu nunca vira algo así en Galicia. Creo que calquera equipo dos que coñezo na Coruña tomaría a mesma decisión", comenta.
Foron os únicos en abandonar a competición. A decisión foi aplaudida polos pais e ben aceptada entre os xogadores, nenos de entre doce e dezaseis anos. Queren formar os nenos en valores e reivindican un fútbol limpo de violencia.