Fernando Calvet, científico galego do ano
A Real Academia Galega das Ciencias destaca o seu perfil modernizador na universidade e o impulso innovador que lle deu desde Zeltia á industria química galega
A Real Academia Galega das Ciencias recoñece como científico galego do ano 2025 a Fernando Calvet. Despois de traballar con tres premios nobel nos mellores laboratorios do mundo, Calvet veu como catedrático a Santiago de Compostela. Fundou Zeltia, creou o ZZ, e pasará á historia de Galicia tamén como un docente moderno e peculiar adorado polos seus alumnos.
"Estivo nos mellores centros do mundo, foi doutorado por Oxford, estivo traballando con tres premios nobel, e isto que estamos falando da Galicia dos anos trinta. Realmente é espectacular", dixo Juan Manuel Lema Rodicio.
Da man do presidente da academia descubirmos esta figura fascinante, que chegou en 1926 a Santiago, tras lograr a primeira cátedra de Química Orgánica da universidade... Montou os primeiros laboratorios de investigación química e tamén un laboratorio para dar servizo ás empresas: o que agora se chama transferencia, xa foi iniciada por este espírito modernizador.
Saídas ao campo cos alumnos, fomento do pensamento crítico, do asociacionismo, do naturismo.
"Facía sesións de jazz cos alumnos, trouxo o rugby á Universidade de Santiago. Cousas moi modernizadoras, naquel momento o perfil dos profesores era moi envarado, Calvet era aire fresco", relata o presidente da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio.
Actividade que xunto á súa proximidade ao galeguismo o levou a ser un represaliado do réxime franquista, que anos máis tarde consente a súa volta para impulsar a industria química Zeltia
"No primeiro patentaron dez produtos, entre eles o Panergot para as dores de cabeza, que se obtiña do caruncho do centeo; obtiveron tamén unha insulina estable, e o famoso insecticida ZZ, que foi uha bendición para o agro", explicou Juan Manuel Lema Rodicio, o presidente da Real Academia Galega das Ciencias.
Unha personalidade das nosas ciencias e da nosa historia, narrada no filme 'Os fillos do Sol' que poden ver na plataforma da galega.
