Co bo tempo e o sol comeza a floración e aumenta a concentración de pole nas cidades
Por agora os niveis de pole en Galicia son moderados, pero prevese xa que comecen a chegar os primeiros síntomas das alerxias
Xa comezaron a floración dos plataneiros na cidade de Vigo e agárdase que tamén comecen a aumentar os niveis de pole en Ourense
Ata agora a chuvia do mes de marzo evitou a concentración de pole na atmosfera. Coa chegada do tempo seco e solleiro espéranse os primeiros síntomas das alerxias. A primavera comeza con niveis moderados de pole.
Os expertos da rede aerobiolóxica xa comezaron a detectar grans de pole dos plataneiros na cidade de Vigo, e prevén que comece agora a explosión da floración e que aumente os niveis de pole desde a costa cara ao interior.
"Esta semana só temos niveis de risco das urticáceas, de risco moderado. Pero para a semana que vén xa prevemos ter niveis de riscos moderados ou puntualmente altos dalgunhas especies como poden ser os plátanos", indica María Fernández, Investigadora do Laboratorio de Aerobioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense.
Cada día o equipo de GISA de investigación do Laboratorio de Aerobioloxía da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense recolle mostras de pole e alérxenos.
Coa chegada do tempo seco e solleiro comeza a floración das diferentes especies arbóreas e con ela os primeiros síntomas provocados pola alerxia ao pole dos plataneiros, os bidueiros e tamén as gramíneas.
"Todas as persoas alérxicas poden consultar todos os mércores na páxina web do Sergas os datos das principais cidades galegas. E tamén facemos unha predición a sete días para axudar a xente que sabe que é alérxica para saber se ten que comezar coa medicación", explica a investigadora da facultade de Ciencias de Ourense.
Cos datos das medicións que realizan diaria e semanalmente na terraza da Facultade de Ciencias de Ourense desde o ano 93 teñen un mapa da carga alérxena da atmosfera das cidades.
"Dentro das cidades é moi importante que intentemos facer unha xardinería hipoalérxica para que deste xeito as persoas que son sensibles non teñan tanta sintomatoloxía", di María Fernández.
Porque segundo os estudos é nas cidades onde hai unha maior concentración de especies alérxenas, e a contaminación do aire favorece a sensibilidade ao seu pole.