Os futuros médicos apostan pola balneoterapia para reducir o exceso de fármacos
Os tratamentos termais son recomendables para a prevención de doenzas reumatolóxicas, respiratorias ou dermatolóxicas
Os alumnos da cátedra de Hidroloxía da USC comproban no balenario de Mondariz os efectos da balneoterapia
Son de sobra coñecidos os beneficios das augas termais para a saúde, que polas súas propiedades antioxidantes mesmo poden atrasar o avellentamento. Alumnos de Medicina compróbano de primeira man estes días en Mondariz, nunhas xornadas para promover a balneoterapia na prevención de diversas doenzas.
Son alumnos de 5º curso de Medicina que complementan os coñecementos adquiridos na Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia cunha estancia nos propios balnearios. Esta fin de semana tocou o de Mondariz. E logo dunha sesión teórica co fisioterapeuta do centro, fan uso das instalacións termais. Experimentan dese xeito unha perspectiva distinta das doenzas e dos doentes.
"Despois de que na facultade nos falan de fármacos e medicamentos, descubrir estas terapias distintas, alternativas, é interesante porque non ves enfermidades, senón que te centras nos enfermos".
"Poder ter de técnicas alternativas, non baseadas na medicación, ou noutras que poidan ser agresivas, é moi interesante porque abre outras posibilidades de atención aos doentes".
"Sobre todo en pacientes xeriátricos, polimedicados, para doenzas como osteoporose, dores de articulacións, etc., igual van mellor os baños e e exercicios en piscina", comentan algúns dos alumnos participantes nas xornadas.
A composición das augas termais ten efectos positivos sobre a saúde a nivel reumatolóxico, respiratorio ou dermatolóxico.
"Un importante compoñente antioxidante, especialmente indicado en pacientes xeriátricos, porque axuda a eliminación de radicais libres e contribúe a retrasar o avellentamento", sinala Laura Gómez, directora médica do balneario de Mondariz e organizadora das xornadas.
Adoitan ser os maiores os que máis usan os circuítos termais, aínda que é recomendable a calquera idade como terapia preventiva. Menos pílulas e máis baños relaxantes, unha receita sen contraindicacións.