Un respiro no balneario da Arnoia para persoas afectadas pola dina
50 veciños de Massanassa afectados pola riada tentan recuperarse emocionalmente do suceso en que moitos perderon as casas e todo canto tiñan
O programa está financiado completamente pola Deputación de Ourense
50 veciños de Massanassa moi afectados pola dina están esta semana no balneario da Arnoia. É un programa solidario financiado ao completo pola Deputación de Ourense dedicado especialmente á recuperación emocional de persoas que o perderon todo.
A riada arrasoulles a Teresa e a Pepita as casas e a vida. Un trauma do que tentan recuperanse. Chegaron o luns á Arnoia, canda a outros veciños de Massanassa, e estarán ata o sábado aproveitando os beneficios das augas termais.
O programa inclúe, ademais da estancia a pensión completa e a viaxe, diferentes obradoiros e tratamentos. Segundo o encargado da área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira: "A saúde emocional, a saúde mental era o centro do programa, unhas actividades dirixidas por psicólogos de emerxencias e foron eles os que marcaron as pautas dos obradoiros e de todas as actividades complementarias".
Un respiro que, din, estalles curando o corpo e sobre todo a alma.