Alertan dun aumento dos xabarís na vía de alta capaciddade do Salnés
Piden máis batidas e que se recompoña o valado de protección da estrada para impedir o paso dos xabarís
A falta de iluminación na zona da Lanzada dificulta avistalos con tempo
"Eu vinos, sobre todo, ao anoitecer, entre noite e día e co coche ténseme atravesado algún. Mesmo unha amiga da miña muller non hai moito, aí na Lanzada, escarallou o coche, e aínda non llo deron do golpe que levou. De noite hai que andar con moito coidado", explica un veciño de San Vicente.
Quen o ía dicir! O xabaril, o porco bravo, tan ligado ao monte, tamén tira para a praia. Na zona da Lanzada, entre os concellos de Sanxenxo e O Grove son un auténtico problema. Atravesan a pé ou a nado.
"Ás veces van pola estrada e outras pola marisma. Entón cando veñen pola estrada é o problema de atopalos xusto aí no medio", advirte Xosé Antonio Álvarez, coordinador do servizo de emerxencias do Grove.
"Aí temos o monte Faro, que hai unha gran masa forestal de toxeiras e aí é onde esta o criadeiro. De Noalla cara ás salinas e das salinas para o monte do Grove e despois, nas secas grandes, para a Illa da Toxa", sinala Roberto Garrido, presidente da Comunidade de Montes de Noalla.
Baixan do monte, pola zona de Noalla, e atravesan a vía de alta capacidade sen pedir dereito de paso. Na estrada, son un auténtico perigo.
"Era un xabaril dun tamaño bo, de máis de cen quilos, que non sabemos quen o atropelou, pero tivo que ser un camión ou algo forte", conta Garrido.
"Quedan paralizados coa luz do vehículo, a súa cor non permite distinguilos ben e ata que os tes enriba non podes esquivalos", avisa o coordinador de emerxencias do Grove.
Condutores, cazadores e comuneiros piden que se tomen medidas nos montes
"Terán que dar máis batidas e, cando se fan, tentar matar as femias para que non críen", recomenda o presidente da Comunidade de Montes de Noalla.
E na beira das estradas.
"En moitas zonas, o valado non está correcto, pero aquí na zona de acceso ao Grove, directamente non hai valado. Veñen directamente polas marismas, métense na estrada e non hai iluminación por ser zona de especial interese e protección para as aves, polo tanto, é moi frecuente acabar topando con eles", conclúe Álvarez.
O ano pasado en Galicia houbo preto de 4.000 accidentes con xabarís, que veñen sendo máis de dez golpes cada día.