Os xabarís pasean polas rúas da Guarda e, de camiño, estragan hortas e leiras
O abandono do rural fai que procuren alimento e auga en colectores de lixo e fontes da vila
Os porcos bravos son tamén un serio risco para a seguridade viaria
Son os reis da noite na Guarda, onde xa están afeitos e fartos dos paseos destes porcos bravos. Baixan dos montes á procura de comida e bebida porque o abandono do rural deixounos sen ela. Agora atópana en colectores do lixo, as fontes e no céspede dos parques. Polo camiño estragan as leiras dos veciños.
Unha delas láiase dos problemas que lle ocasionan dende hai mais de dez anos: "Téñoos todos os días arredor da casa. Tiven que poñer un pastor eléctrico do meu peto, teño que levantar unha parede de pedra do meu peto. Levantáronme o céspede e o gramón, que terei que apañar agora cando poda, rompéronme froiteiras...".
Para combatelos, a Xunta xa declarou a emerxencia cinexética, que permite a caza sen límite do xabaril.
A expansión dos porcos bravos na contorna do monte Trega e na parroquia da Cruzada ten alporizados os veciños. "Baixan do monte Trega, e como saben que hai colectores con comida veñen aquí, fan un pasarrúas pola Guarda a ver se atopan algo de comida e pasean polo medio do pobo" comenta un hostaleiro da vila.
"Se vén un autobús cargado de xente e ten que dar unha freada, e envorca todo para baixo e estraga todo. E as fincas e hortas que temos e traballamos por aquí estrágannolas todas. Todo, todo", comenta farto outro veciño.
Os xabarís ocasionan perdas millonarias no rural galego, e problemas tamén de seguridade viaria. De feito a DXT propón o uso de novas tecnoloxías para a detección e o control dos animais nas estradas e poder avisar os condutores para previr accidentes.