Unha praga de xabarís azouta a diario os veciños da Barca, en Sober
Remitíronlle un escrito á Consellería de Medio Ambiente, acompañado de 160 sinaturas, onde reclaman batidas
A aldea da Barca, situada á beira da desembocadura do Cabe no Sil, na parroquia soberina de Anllo, está tomada polos xabarís. Así o aseguran os residentes no lugar, que se refiren aos cochos bravos como unha praga que os visita a diario para estragarlles os cultivos ou tirarlles abaixo os valados.
"Indo para esa casa, o xabaril tirou a parede toda e dentro de pouco xa non poden deixar aí o coche, porque lles caen as pedras enriba", advirte unha muller afectada. "Non podes ter nada. Diante da casa tiña uns xeranios e levantoumos todos, á porta!", quéixase outra.
Fartos da desfeita que lles provocan os porcos bravos cada noite, os veciños da Barca decidiron mover ficha. Remitíronlle un escrito a Medio Ambiente, acompañado de 160 sinaturas.
"Reclamamos en Monforte, recollemos firmas e aquí ninguén fai caso de nada", lamenta un residente no lugar. "Que dean algunha batida ou que metan cans para levantar, porque hai moita maleza", engade outro.
Os afectados agardan que a Xunta tome medidas antes de que os xabarís derruben os muros das casas abandonadas e haxa unha desgraza.