Os xabarís volven deixar a súa pisada no barrio de Canido en Ferrol
Roberto Taboada, presidente da asociación veciñal de Canido, afirma que hai que crear un espazo amable para eles no monte e controlar as camadas a través de métodos anticonceptivos
Volven activarse as alarmas pola presenza de xabarís no barrio ferrolán de Canido. Levaban unha tempada máis ou menos tranquilos, logo de que quedase controlada a manda que se instalara no barrio, pero agora empeza a haber outra vez danos importantes.
"Á parte de ser un barrio moi divertido e entretido, ten outros alicientes, como moita zona verde, predios rústicos e moitas zonas abandonadas. Créase un sitio idóneo para eles ao teren auga e comida preto e lugares onde esconderse", explica Roberto Taboada, presidente da asociación veciñal de Canido.
Con tantas vantaxes, chegaron a ter un problema importante co xabaril na zona. Contan os veciños que hai uns anos chegaron a instalarse case unha vintena de animais, que foi cando conseguiron que o Concello instalase gaiolas para controlalos. Quedou un exemplar, pero á vista dos danos que están aparecendo estes días sospeitan que xa son máis os que andan por aquí.
"Eu mirei tres que estaban por diante da miña casa. Isto supón un perigo para nós ao impedirnos que poidamos movernos con tranquilidade", contaba unha veciña do barrio ferrolán.
Raimundo, un dos veciños do barrio, familiarizouse cun animal que quedou pola zona.
"Criouse aquí, eu sempre lle dou de comer. É unha femia que quizais está en celo e baixou un macho do monte a cortexala", afirmou Raimundo.
No barrio piden medidas integrais para evitar que críen.
"Hai que crear un espazo amable para eles no monte, comedeiros, e controlar as camadas a través de métodos anticonceptivos. Estes métodos xa se fixeron noutras cidades e en principio deron moi bos resultados", indica Roberto.
No Concello din que de momento están facendo seguimento da situación por se houbese que solicitar á Xunta medidas de control do xabaril na zona.