Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os felos percorren as aldeas de Maceda coas súas trasnadas

Os felos percorren as aldeas de Maceda coas súas trasnadas

A filosofía deste personaxe é saír cando lle dá a gana, mantendo ese espírito transgresor que se remonta aos anos cincuenta e sesenta

G24.gal 01/03/2025 15:57

Agora si que comezan os días gordos do Entroido, unha das festas con máis arraigamento en Galicia e que se agarda que nos vindeiros días a Xunta declare oficialmente un Ben de Interese Cultural (BIC). E na provincia de Ourense vívese con especial intensidade. Alí os felos de Maceda comezaron xa ben cedo a súa ruta polas aldeas.

Son os máis madrugadores do Entroido. E así, atravesando os lameiros desde Castro Escuadro, como facían antano cando baixaban da serra de San Mamede, chegan os felos de Maceda á aldea de Pías. 

A emoción entra na veciñanza, que os agarda con comida e bebida na súa cita especial coa tradición. Moitos felos veteranos, pero tamén as novas xeracións de homes e mulleres, están implicados desde ben pequeniños coa súa festa das festas...

Moitas trasnadas recibidas con agrado, pero das que non se libran nin a veciñanza, nin os visitantes nin tampouco as cámaras e o micro da Galega. 
Abrazos e amor que engaiolan a quen os visita. 

As súas chocas resoan ao seu paso e enchen de vida as rúas. E seguen o seu camiño polas parroquias de Maceda. Queda moita festa e hoxe agardan tamén a súa tradicional baixada da Marela. 

Nas casas, desde hai varios días, a actividade foi frenética. Os veciños que visten esta fin de semana o felo comproban o estado dos seus traxes, antes de saír polas aldeas para levar a súa alegría aos veciños, nun dos entroidos, xunto cos do oriente ourensán, máis rurais da provincia.

A diferenza dos entroidos urbanos, que celebran as vilas grandes como Xinzo, Verín e Laza, o Entroido de Maceda ten un carácter eminentemente rural.

En comitiva, estes enigmáticos personaxes de orixe incerta percorren camiñando a serra de San Mamede, baixo o estrondo das súas chocas e os seus "esgutíos", nunha das celebracións máis auténticas da provincia de Ourense, mentres son recibidos con grandes mostras de alegría polos poucos veciños que quedan.

Unha das moitas singularidades desta celebración é que as portas das casas mantéñense abertas co fin de ofrecer comida, un costume que actualmente se trasladou a outros lugares, como as pallozas e mesas, en especial, despois da pandemia.

Alí, os felos conversan e saúdan os fregueses mentres repoñen forzas antes de continuar o seu percorrido, que se prolongará durante o resto da tarde e tamén o domingo, polas aldeas desta zona do interior galego.

De aldea en aldea, este personaxe impón a tiranía do seu bastón, un dos elementos máis representativos da súa vestimenta, que antigamente utilizaban como ferramenta de "apoio e de protección", para levar a súa alegría entre os veciños do rural.

A filosofía deste personaxe é saír cando lle dá a gana, mantendo ese espírito transgresor que se remonta aos anos cincuenta e sesenta, cando este pululaba polas aldeas, co consecuente risco de ser detido pola Garda Civil e de que queimasen o seu traxe dunha forma exemplarizante, segundo o historiador Santiago Prol, autor da publicación As caras do Entroido ourensán.

Esta máscara de sorriso renarte, coroada pola ilustración dun animal ou ave representativa da serra de San Mamede, ten como misión facer sorrir os veciños rompendo así a monotonía das aldeas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade