Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os felos de Maceda levan a troula a toda a serra de San Mamede

Os felos de Maceda levan a troula a toda a serra de San Mamede

Diversión e xolda no sábado grande de Entroido neste concello ourensán

Os felos seguirán visitando os lugares da comarca ata a noite, cando haberá a baixada da marela

G24.gal 18/02/2023 15:08 Última actualización 18/02/2023 21:42

As chocas volven tanxer un ano máis no Entroido do concello ourensán de Maceda, e canda elas, volven os felos, os protagonistas da festa, trasunto dos recadadores medievais, aos que a tradición converteu por uns días en mensaxeiros da troula e da festa a esgalla.

Os máis veteranos contan como é cando chegan aos lugares cando máis gozan da troula e para os máis novos, como Natalia, que acude de felo por primeira vez, a sensación é "unha pasada. Poste a máscara e xa non es ti, es un máis do conxunto do sentimento do felo", explica.

Ataviados co seu traxe característico -as chocas para escorrentar os malos espíritos, as medias negras e un impoñente caxato co que fan valer a súa autoridade-, os felos percorren a serra de San Mamede, levando con eles a diversión en forma de bailes, chanzas e merendas. Porque a festa tamén pasa polo bandullo co viño, os chourizos, a bica e as orellas.

Os felos percorrerán moitos dos lugares do concello para volver á noite a Maceda, onde espera a baixada da Marela, a vaca de madeira que desfila entre berros e máscaras. A troula e as falcatruadas están máis que garantidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade