O Entroido de Ourense de loito para despedir o Trangallán, un dos seus reis
O Entroido de Ourense de loito para despedir o Trangallán, un dos seus reis
Manuel Losada falecía este sábado aos 83 anos, tan só dúas semanas despois do pasamento da súa dona
O Entroido de Ourense amencía este sábado coa triste nova do falecemento de Manuel Losada, o Trangallán, un dos seus icónicos reis nas últimas décadas. Aos 83 anos morría despois de que distintos problemas debilitaran a súa saúde. Tan só hai dous meses falecía tamén a súa muller, a modista Lola Blanco.
Gozaba o Trangallán cos disfraces de Marlene Diestrich, Charles Rivel, o león da Metro Goldwyn Mayer ou Benedicta Sánchez, a protagonista de O que arde. Nos días de Entroido de Ourense paseaba as súas rúas para lucirse ante os veciños da cidade e gozar canda eles da festa.
Animaba e gozaba con outros da festa. Durante máis de catro décadas o Trangallán estivo á fronte dun dos locais máis recoñecidos da zona dos Viños de Ourense. Na rúa Lepanto moitas xeracións de ourensáns e os que visitaban a cidade tiñan unha parada obrigada no seu establecemento para probar as súas famosas empanadillas, no local co seu alcume e con diferentes recheos.
Un dos maiores reclamos do lugar era sen dúbida o seu propietario ao que nunha lle faltaba un sorriso ante os clientes e sobre todo amigos que por alí pasaban.
Foi o primeiro rei da festa do Entroido ourensán en 1989, pero a súa relación coa festa era de moito antes: nos anos cincuenta e sesenta cando había que agocharse das autoridades xa se disfrazaba e fuxía x¡cando tiña que desaparecer para ir ata outras localidades próximas e regresar máis tarde.