Os veciños de Coruxo, fartos dos ataques do xabaril na parroquia
Causan estragos a diario nas leiras e aparecen con frecuencia nas estradas
Demandan medidas para solucionar esta problemática
Os veciños de Coruxo, en Vigo, están fartos da presenza de xabarís na súa parroquia. Din que estes animais provocan a diario estragos nas súas leiras e que xa non compensa plantar. Preocúpalles tamén a súa seguridade, porque os xabarís achéganse en mandas ás súas casas e xa provocaron algún accidente de tráfico.
Case a diario atopan as pegadas e os estragos que deixan nas súas leiras. A maior parte deles deixaron de plantar, pois para eles xa non é rendible facelo.
"Hai que pechar as leiras, hai que gastar un monte de cartos para pechar con malla, perder tempo, pasta..., e ao final, se queren entrar, rebentan todo e entran", conta Inés Comesaña, unha das veciñas afectadas.
"Queremos botar o millo, pero vai ser imposible. As patacas non as come, pero levántaas, o viñedo levántacho todo tamén. Estamos preocupados porque non imos poder botar este ano nada", lamenta Lorenzo González, outro dos afectados.
Din que dende os incendios forestais de 2017 a presenza de xabarís é cada vez maior. Buscan comida a calquera hora do día e en zonas poboadas. Preocúpalles a súa seguridade, especialmente nas estradas, onde é habitual velos.
Os veciños demandan máis medidas e maior implicación das administracións para solucionar esta problemática.