A USC e os criadores de Porco Celta participan no proxecto internacional Greencop
Integrado por entidades de 24 países europeos e da China, durante os vindeiros catro anos analizará o traballo das explotacións gandeiras
Os criadores da raza autóctona Porco Celta e os investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo participan no proxecto internacional Greencop. Integrado por entidades de 24 países europeos e da China, durante os vindeiros catro anos analizará o traballo das explotacións gandeiras, tanto convencionais como ecolóxicas, co fin de producir mellores alimentos con criterios máis sostibles.
Rosa Mosquera, catedrática de Produción Vexetal da USC: "Vanse medir aspectos económicos, como a rendibilidade, ambientais, como a biodiversidade ou as pegadas hídrica e de carbono, e sociais, como o rexuvenecemento das zonas rurais".
En total, serán unhas 200 granxas as que se sumen a este proxecto. Nelas aplicaranse unha serie de innovacións tecnolóxicas en eidos como a produción gandeira, o avance na calidade alimentaria, a xestión da auga ou a dispoñibilidade de nutrientes no solo.
Rosa Mosquera, catedrática de Produción Vexetal da USC: "Imos facer estudos da mellora da biodiversidade, análises de solo ou emisión de gases de efecto invernadoiro. No caso das actividades agroecolóxicas, veremos como permite mellorar a saúde do solo, incrementar a retención de carbono e reducir as emisións de gases que propician o quecemento global".
O proxecto, no que tamén participa a Facultade de Xeografía e Historia da universidade compostelá, porase en marcha a partir do outono.