Éxito da LVIII Festa do Xamón da Cañiza: contan con superar as dez mil racións
Éxito da LVIII Festa do Xamón da Cañiza: contan con superar as dez mil racións
A novidade deste ano foron as croquetas de xamón
A ración con pan e bebida custou 7 euros, igual que o ano pasado
Detrás dun prato de xamón hai moita historia.
Os fenicios foron os responsables de traer os primeiros porcos á península ibérica, e tras deles, romanos e íberos deron boa conta dos animais con métodos de conservación que chegan ata os nosos días. O máis coñecido, o xamón curado en sal.
O lugar de Galicia que máis sabe de xamóns é A Cañiza onde celebran este 15 de agosto a festa de exhaltación.
Os xamóns de porco celta criados e alimentados en Galicia con castañas e landras eran moi aprezados na primeira metade do século XX polos productores de Guijuelo ou Jabugo.
Primeiro os arrieiros e logo o ferrocarril e o barco fixérono chegar ao resto da península, mesmo aos emigrantes de Latinoamérica.
Moitos deles volven ano tras ano á Festa do Xamón da Cañiza na busca dese sabor de antano.
Foron tantos os visitantes que a organización calcula superar as dez mil racións de carne do ano pasado en diversas preparacións: xamón asado, curado, en tortilla, en empanada e, como novidade deste ano, as croquetas de xamón.
Para que ninguén quedase sen el, aí estaban os 8 cortadores profesionais do IX Concurso Nacional, coa novidade do premio ao mellor de Galicia, cun nivel altísimo segundo a organización.
Para ser un bo cortador din que cómpre ter paciencia e dedicarlle moitas horas.
Un xamón cortado a coitelo na medida xusta é unha exquisitez. Pero cal é a perfección? Dínolo Víctor Burgos, organizador do concurso.
"O lisco perfecto é o ancho da peza do xamón e entre 3,5-4 cms porque así o lisco queda cubrindo toda a lingua e cómpre non mastigar ata que se quece o touciño, para quitarlle todo o sabor".
Roberto Domínguez, cortador de xamón de Ponteareas, chámalle a iso:
"Tamaño tarxeta é o lisco perfecto"
En Tarragona deron cun xamón fosilizado de case dous mil anos. Non teñan coidado. Os da festa da Cañiza non chegan, seguramente, nin ao venres.