Degustacións de porco celta nas prazas de abasto da provincia de Ourense
Nova campaña gastronómica para fomentar o consumo desta raza autóctona, cen por cento galega, e que aínda está en perigo de extinción
Os produtores lembran que consumindo porco celta tamén se axuda a combater a despoboación no rural
O cheiro a torresmo de porco celta sorprendía os que se achegaron ata a praza de abastos de Ourense.
"Facemos un kimchi coreano, pero en vez de facelo con repolo, aproveitamos a primavera e facémolo con sandía e fermentámolo con chile para darlle un toque picante", explica o cociñeiro Martín Fernández.
Martín é un dos cociñeiros de Cociña Ourense encargados de facer destas degustacións unha experiencia gastronómica única.
"Trasladar a boa imaxe do produto que temos ao mercado para que a xente o pida, que o demande porque é un produto cun bo sabor e vailles gustar", di Martín Touceda, un dos criadores promotores desta campaña de promoción do porco celta.
A base de cereais e vexetais críanse estes animais. O resultado é un produto de primeira calidade, cen por cento galego.
"Os nosos porcos non están hormonados, andan libres desde que se destetan, teñen unhas propiedades moi saudables", engade Martín Touceda.
Promover e conservar. Porque aínda que levan 25 anos traballando para a recuperación desta raza, segue en perigo de extinción.
"Intentamos fomentar o seu consumo e demanda para ter máis granxas, máis censo", explica Cruz Castro, Veterinaria en Asoprocel.
Hoxe en Galicia hai 140 criadores de porco celta que ao ano comercializan uns 200.000 quilos desta carne.