Publicador de contidos
Publicador de contidos

Receitas de alta cociña a base de porco celta

Receitas de alta cociña a base de porco celta

Máis dun cento de comensais degustaron os pratos preparados polo alumnado da Escola de Hostalería de Lugo nunhas xornadas no IES San Xillao

Pratos de zorza de porco celta con ovo frito
Félix Aragunde 14/11/2024 18:55

Baixo o nome "Do porco... ata os andares!", desenvolvéronse no instituto San Xillao de Lugo unhas xornadas gastronómicas centradas no porco celta. Nelas, os futuros cociñeiros prepararon receitas de alta cociña como costela especiada con arroz ou unha reinterpretación da zorza con ovo frito.

Nesta escola luguesa de hostalería levan tres días dando a coñecer o enorme potencial dos produtos desta raza galega. Só nesta xornada, elaboraron media ducia de pratos a base de porco celta.

Uxía del Río, xefa de cociña das xornadas gastronómicas: "Esta carne caracterízase por ser algo máis magra e ter máis sabor. E neste menú buscamos esas partes do porco que se adaptaban mellor aos nosos pratos dándolle esa textura necesaria ou eses sabores".

Foron menús que máis dun cento de comensais puideron degustar no comedor da escola ao longo destas xornadas. Nelas colaborou a Asociación de Criadores de Porco Celta, que aspira así a dar a coñecer a calidade dos seus produtos co fin de promover o seu consumo.

Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel: "Estamos a falar de quen vai ser o próximo persoal da hostalería, que está coñecendo de primeira man unha carne boa e está vendo como lles funciona na cociña e a saída que ten no comedor. É unha maneira estupenda de promovela de cara ás xeracións futuras".

Asoporcel tamén colaborou con outra xornada gastronómica do porco celta, organizada pola escola de hostalería de Pontevedra. Celebrouse, ao mesmo tempo, no mercado de abastos da cidade do Lérez.

Costela de porco celta con arroz salteado Costela de porco celta con arroz salteado
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade