Maridar o queixo co café ou catar o mellor panetone do mundo: as experiencias do Fórum Gastronómico
A décima edición vén cun programa repleto de estrelas da cociña, entre elas Marsia Taha, a mellor cociñeira da América Latina
Na segunda xornada do Galicia Fórum Gastronómico Elena Arzak falou da importancia das cores na gastronomía
Unha estrela da gastronomía como Elena Arzak explica as súas investigacións sobre o impacto da estética dos pratos. Neste foro, polo que en tres días pasarán máis de 25.000 persoas, o intercambio de coñecemento e a innovación son os obxectivos principais.
Están os mellores do mundo, en case todas as especialidades. Desde os vexetarianos ata os panetones. E entre os máis de 200 expositores hai propostas como combinación de queixo e café, batallas de sumilleres e todo tipo de catas, de xamón ou de bombóns con aliño de aceite de oliva. Porque despois de dez anos de andaina, o Galicia Fórum Gastronómico é un lugar onde os mellores do mundo din que veñen a aprender.
"E para iso temos este ano 30 estrelas Michelin", dixo o director de programación do Galicia Fórum Gastronómico, Pep Palau.
"Tes que ir evolucionando, eu non cociño como hai dez anos. E para iso tes que vir aquí coas túas propostas e ver as propostas dos outros", engadiu a cheh Elena Arzak.
Hai un espazo especial para os produtores quilómetro cero, que traballan, comercian e cociñan coa intención de xerar un impacto social positivo no lugar.