TVG convértese na primeira televisión autonómica en emitir en ultra alta definición (UHD)
Só é preciso resintonizar o dispositivo para recibir a nova canle, e non se necesita ningunha modificación nas antenas nin nos equipos de distribución TDT dos edificios
Televisión de Galicia comeza a emitir desde este venres en Ultra Alta Definición (UHD) na TDT en toda Galicia, converténdose no primeiro radiodifusor autonómico que emite unha canle destas características en España. Así o anunciou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comisión de control á CRTVG celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia.
Despois dun período de probas a canle TVG UHD emítese simultaneamente coas xa existentes emisións en Alta Definición (HD) da TDT. A UHD proporciona unha maior calidade visual grazas á aplicación de tecnoloxías avanzadas, como unha resolución de imaxe incrementada 4K ou a implementación da tecnoloxía de alto rango dinámico (HDR) na imaxe, o que mellora o contraste, con cores máis vivas e un maior grao de detalle visual tanto nas tonalidades escuras coma nas máis brillantes. Ademais, a UHD implica unha compresión do sinal de vídeo tipo HEVC de alta eficiencia, cun mellor aproveitamento do espectro radioeléctrico e unha gama de cores ampliada con respecto á HD.
Para beneficiarse da canle TVG UHD en todo o seu conxunto de prestacións, o televisor ou o descodificador de TDT deben ser compatibles con sinais 4K-HDR. Só é preciso resintonizar o dispositivo para recepcionar a nova canle, e non se precisa ningunha modificación nas antenas receptoras nin nos equipos de distribución TDT dos edificios.
Con este novo fito, os medios públicos galegos reforzan o seu perfil na vangarda tecnolóxica e reiteran o seu compromiso coa evolución tecnolóxica e a innovación, ofrecendo á cidadanía galega un servizo de maior calidade.