Publicador de contidos

Publicador de contidos

‘Cos pés na terra’ e ‘Bibopalula’, da TVG, premios especiais dos XXIII Premios Mestre Mateo

‘Cos pés na terra’ e ‘Bibopalula’, da TVG, premios especiais dos XXIII Premios Mestre Mateo

‘Cos pés na terra’ recibiu o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade polos seus máis de 200 programas divulgando a riqueza da vida rural

O Premio Deleite á promoción da lingua foi para a serie ‘Bibopalula’, dispoñible en Xabarin.gal, a primeira serie infantil musical de debuxos integramente en galego

G24.gal 01/03/2025 09:01

O espazo da TVG ‘Cos pés na terra’ e a serie infantil de Xabarin.gal ‘Bibopalula’ recibiron dous dos galardóns especiais dos XXIII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual entregados hoxe na xuntanza de finalistas, festa que supón a antesala da gala que se celebrará en Lalín o 15 de marzo.

‘Cos pés na terra’ recibiu o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade “por contar desde 2011, a través de máis de 200 programas, as pequenas e grandes historias de persoas que apostan polo rural como medio de vida, ensinando como saen adiante cada día, promovendo unha cultura de amor e coidado polos recursos naturais". ‘Cos pés na terra’ emítese no prime time dos luns e está tamén dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal. Producido por Filmax para a TVG, este espazo xa gañou o Premio Mestre Mateo a Mellor Programa na última edición e foi finalista a outros recoñecementos como os Premios Celtic Media Festival 2022 ou os Premios PRODOCS DocTV.

Ademais, o Premio Deleite á promoción da lingua foi para a serie de animación ‘Bibopalula’, dispoñible en Xabarin.gal, “por ofrecer a unha nova xeración de nenos e nenas a posibilidade de desfrutar dunha serie de animación feita na nosa lingua, e transcender o audiovisual a través dunha ampla oferta de contidos complementarios que sinalan un camiño cara a un escenario máis optimista para o futuro do galego". ‘Bibopalula’ é a primeira serie musical de debuxos integramente en galego e está producida por Undodez en colaboración con TVG.

Os seus protagonistas son o grupo musical A Banda do Bosque, formado por un merlo, un paporrubio, unha pega e un peto, catro amigos que viven aventuras relacionadas coa natureza, a música e o seu contorno onde se enxalzan valores como a amizade, a empatía ou a resolución de conflitos de maneira pacífica.

No acto estiveron presentes Álvaro Pérez Becerra e Saamira Ganay, presidente e secretaria da Academia; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo; a delegada de FILMAX en Galicia Inmaculada Castaño, e os finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade