Publicador de contidos

Publicador de contidos

Anita Mateu desvela o novo proxecto da TVG para espallar o galego entre os neofalantes

Anita Mateu desvela o novo proxecto da TVG para espallar o galego entre os neofalantes

A popular ‘influencer’ cubana e residente en Galicia asumiu o reto proposto pola Corporación de falar galego en 100 días, prazo que se cumpre xustamente o Día das Letras Galegas

‘Bótalle azucre’ supera xa os 2 millóns de visualizacións nas redes sociais e conta a experiencia dunha persoa estranxeira que aprende galego desde cero 

Mateu desvelou este xoves o proxecto no estudio do magazine ‘O termómetro’ da TVG e do ‘Galicia por diante’ da Radio Galega

G24.gal 10/04/2025 10:56

‘Instagal’, ‘DígochoEu’ e agora tamén ‘Bótalle azucre’, a TVG segue a promover o galego tamén nas redes sociais, e para iso deseñou un proxecto específico dirixido desta volta aos neofalantes.

A complicidade de Anita Mateu foi chave para levar adiante este novo reto lingüístico da TVG, ‘Bótalle azucre’, en que a ‘influencer’ asumiu o reto de aprender galego en 100 días. Mateu, que leva xa máis de dous meses detrás desta iniciativa, ten que ser quen de manter unha primeira conversa fluída en galego nese tempo, prazo que se cumpre xustamente o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

A ‘youtuber’ e ‘influencer’ cubana está aprendendo galego con esta iniciativa dos medios públicos coa que xa conectaron máis de medio millón de persoas en YouTube, Instagram e TikTok. Nos seus posts Mateu comparte diariamente anécdotas arredor da lingua, reflexións e aplicacións que vai descubrindo a medida que usa o galego no seu día a día.

Na súa visita a 'O termómetro', Anita dixo que o seu interese pola lingua comezou cando chegou a Galicia e "escoitou outro idioma". Foi entón cando decidiu embarcarse na aventura de aprender galego. A 'influencer' compartiu no programa que unha das súas expresións favoritas en galego é "Se chove que chova", aínda que, lamentou, "chove demasiado".

Anita conta como naceu o seu interese pola lingua galega en 'O termómetro'

Ata agora xa se emitiron 10 episodios semanais deste ‘reality’ na nova canle de YouTube 'Bótalle azucre', aínda que os seus progresos tamén se poden seguir en pequenas pílulas nas contas de @botalleazucre en Instagram e TikTok.

Nestes episodios Anita vai aprendendo galego pola súa conta, atendendo tamén ás interaccións do público, que lle axuda a mellorar mediante correccións nos comentarios. O proxecto está tendo unha grande acollida e milleiros de persoas están apoiando a Anita, que xa se está convertendo en toda unha “embaixadora do galego” entre as persoas de fóra que veñen vivir a Galicia.

Un dos vídeos de Anita en redes sociais

Anita Mateu, que reside en Carballo (A Coruña) desde hai dous anos, conta na actualidade con máis dun millón de seguidores en redes sociais: case medio millón en YouTube, 370.000 en Instagram e 280.000 en TikTok. 

Con este novo proxecto, a TVG está a achegarse a gran comunidade composta polos novos galegos, moitos deles procedentes de América, que coñecen a nosa lingua pero aínda non a falan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade