Unha lápida datada en 1924 é a máis antiga coñecida escrita en galego
Rescatárona do cemiterio de Baño, en Bande, antes de que o camposanto quedara asolagado polo encoro
Manuel Rivero e Adolfo Dafonte, veciños de Bande, forman parte dun pequeno exército de prospectores de camposantos na procura de estelas funerarias que conteñan textos na nosa lingua.
E Manuel tiña unha na súa propia familia.
"Meu bisavó, Pedro Rivero, finado o 28 de outubro de 1924, expresábase en galego e miña avoa, que foi quen o coidou, quixo respectar ese sentimento e colocou a lápida en galego. É a inscrición dun home do común, do rural, escrita en galego máis antiga da que teñamos coñecemento", conta Manuel Rivero, bisneto do finado e investigador da Limia, que participa no proxecto Palabra e Memoria.
O mes está escrito "outuvre", recollendo a fala tradicional desta zona da provincia ourensá máis próxima á fronteira con Portugal. Manuel sinala que a lápida probablemente foi esculpida por un canteiro da zona, na lingua empregada polos habitantes da zona.
O cemiterio de Baño foi trasladado á localización actual en 1949 dende a beira do río Limia, antes de que case todo o pobo quedara anegado polo encoro das Cunchas.
É probable que aínda quede algunha inscrición máis en galego no camposanto orixinal.
"Foi un traslado laborioso, fíxose con carros de vacas na maioría dos casos, e cada familia trasportou o pantéon como puido. Moitas lápidas aínda quedaron alá abaixo. Se se perde algo de tempo en pasear pola zona é posible que aínda quede algunha máis con inscrición en galego", di Adolfo Fernández Dafonte, escultor de Bande e colaborador do proxecto Palabra e Memoria.
Un proxecto dirixido por Bernando Penabade que dende o pasado mes de setembro busca rescatar do esquecemento e darlle o seu valor a aquelas persoas galegofalantes que desexaron usar a súa lingua no seu tránsito ao alén.