Monteagudo advirte de que o galego está nunha situación de "auténtica emerxencia" entre a xente nova
Monteagudo advirte de que o galego está nunha situación de "auténtica emerxencia" entre a xente nova
O novo presidente da RAG considera que para corrixilo é preciso "cambiar os marcos mentais": "Non podemos empregar receitas do século vinte para problemas do século vinte e un"
Henrique Monteagudo afirma que é preciso acadar un "pacto político" pola lingua: "Se non temos ese acordo de mínimos, como nos imos dirixir á sociedade?"
O novo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, afirma que estamos atravesando unha situación "de auténtica emerxencia para a lingua galega", sobre todo, entre a xente nova. Na primeira entrevista que concede á TVG desde que tomou posesión do cargo, Monteagudo indicou que "os datos son alarmantes" e supoñen todo "un desafío" para que o galego teña futuro.
Ao seu xuízo, é preciso facer "un esforzo de imaxinación e intelixencia" para conectar coa infancia e a mocidade "porque traballamos con marcos mentais que non funcionan".
"Non podemos empregar receitas do século vinte para problemas do século vinte e un", afirma, "hai un abismo coa xente nova e arriscámonos a unha crise de civilización".
"Para conseguir un pacto social pola lingua precisamos antes o pacto político"
O novo presidente da Real Academia Galega volveu manifestar a súa oposición ao decreto do plurilingüismo. "Opuxémonos ao decreto xa cando se publicou; fomos ao Tribunal Supremo, ao Constitucional e á Corte Europea de Dereitos Humanos. Criamos que ía ser lesivo para o galego e os datos dannos a razón".
Para Henrique Monteagudo, é preciso acadar un "pacto político" pola lingua para impulsar medidas favorables ao galego. "Se todos temos claro iso, a partir de aí as solucións ou propostas son máis fáciles de fluír. É complexo pero técnico. Se non temos ese acordo de mínimos, como nos imos dirixir á sociedade?".
Preguntado pola presenza de mulleres na RAG, Monteagudo sinalou que, cando el entrou na Academia, hai trece anos, "eramos case todos homes e agora temos nove mulleres". Sinalou que "non é a primeira vez que tentamos convencer a mulleres para facerse cargo da presidencia" e engadiu: "Oxalá que quen me suceda sexa unha muller".
Henrique Monteagudo confía en poder retornar ao edificio emblemático da rúa Tabernas antes de final de ano e poder presentar tamén -antes de que expire o 2025- o dicionario en liña castelán-galego que está preparando a RAG. "Temos pendente tamén" o dicionario de consultas e dúbidas. Segundo dixo, "estamos tentando facelo rápido, pero cada vez nos chegan máis consultas".