José Tomé presenta o dobre de avais que Iván Castro para dirixir o PSOE provincial de Lugo
O vindeiro venres farase a proclamación oficial de candidatos e arrincará a campaña interna para as primarias do 27 de abril

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, duplicou este luns o número de avais presentados polo concelleiro de Paradela Iván Castro no marco do proceso de primarias aberto para renovar a Secretaría xeral do PSOE provincial.
Ambos os socialistas presentaron a última hora da mañá os apoios necesarios para formalizar a súa candidatura á dirección provincial.
O primeiro en facelo foi o alcalde de Monforte e tamén presidente da Deputación, José Tomé, que levou un total de 760, unha cantidade moi superior ao mínimo requirido na normativa, concretamente "máis do dobre", como aclarou o propio aspirante.
Tomé asegurou afrontar o proceso con "moitas ganas e ilusión". Así, aproveitou para agradecer o apoio prestado polos militantes e comprometeuse a visitar as distintas agrupacións para "agradecer o masivo apoio prestado".
Ademais, sinalou, que polo momento, aínda non iniciou estas visitas, polo que destacou que o apoio foi "espontáneo" e que lle chegou tanto en liña como en formato papel.
"Espero que o día 27 se confirme este apoio co voto nas urnas", destacou Tomé, que tamén confía nun apoio xeneroso, "o mesmo que demostran os avais".
Só dez minutos máis tarde tamén formalizou a súa candidatura o concelleiro de Paradela Iván Castro, acompañado dos alcaldes de Castroverde, Xosé María Arias, e Guitiriz, Marisol Morandeira. Este candidato presentou o número mínimo de avais que permite a normativa, 373, o 20 %.
"Transmitimos a través dos avais toda a ilusión da militancia", explicou Castro, que desexou "que sexa unha competición bonita".
Tamén dixo que será "moi bo para o partido este proceso" e avanzou que percorrerá tamén as distintas agrupacións explicando o seu proxecto, "para xuntos saír máis unidos que nunca". Castro presentou esta alternativa por "a necesidade de renovación e como un revulsivo para seguir crecendo".

O vindeiro venres, 11 de abril, unha vez feito o reconto dos avais, procederase ao nomeamento oficial dos dous candidatos e dará comezo a campaña, que se prolongará ata o 25 de abril. Será o 27, domingo, cando se faga a proclamación do gañador do proceso interno, antes do congreso do partido, previsto para o 10 de maio.