O PP téndelle a man ao Goberno para aprobar axudas aos sectores afectados polos aranceis
Os populares consideran que o plan é insuficiente e envíanlle ao Goberno as súas propostas de mellora
O PSOE pídelle ao PP que rompa con Vox
O sector agroalimentario é un dos máis prexudicados polos aranceis de Donald Trump. O ministro de Agricultura, Luis Planas cre que o obxectivo debe ser "manter mercados" ao tempo que "diversificar e ampliar mercados", e nesa estratexia enmarca a visita de Pedro Sánchez, esta semana, a Vietnam e á China.
O goberno tamén prepara axudas directas. As empresas beneficiadas terán que cumprir unha serie de condicións que enumerou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz: "non despedir, manter o emprego e evitar as deslocalizacións".
O decreto aprobarase este martes en Consello de Ministros. O executivo envioullo ao PP, que agradece o xesto pero que ve o plan insuficiente. Por iso, van responder cunha serie de propostas de mellora. Para Alberto Núñez Feijóo, "falta un plan real do Goberno para un novo escenario comercial que esixe decisións de moito máis calado". Aínda así, amosouse convencido de que "non haberá resposta adecuada á guerra comercial sen unidade".
Unidade é o que lle piden os sectores afectados á clase política. Este luns acudiron tanto á sede do PSOE en Ferraz como á do PP en Génova. Temen a refrega no Congreso cando as axudas teñan que ser convalidadas.
Alfonso Rodríguez Gómez de Celis, secretario de Política Institucional do PSOE, agarda que o PP "se poña a favor dos españois, dos traballadores, das empresas, e fronte a Vox e a Trump".
"Deixémonos de golpes no peito ou de dediños levantados para a refrega política...mans á obra, é o que hai que facer", replica, pola súa banda, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.