Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consellos para a horta desde o "Diario dun neno labrego"

Consellos para a horta desde o "Diario dun neno labrego"

O divulgador Juanjo Rodríguez leva máis de dez anos ensinando o seu modo de cultivo nas redes desde Parada de Vilamarín

Ten 60.000 seguidores, a maioría de fóra de Galicia

G24.gal 06/04/2025 14:36

O mes de abril é en boa parte de Galicia a época para empezar a traballar a horta para a produción do verán.  Botados os allos e as patacas de cedo, nas próximas semanas haberá que ir facéndose cuns pés de pementos, tomates ou berenxenas. O divulgador Juanjo Rodríguez ten 60.000 seguidores que aprenden nas redes do seu xeito de cultivo tradicional.

A Juanjo e máis a súa horta coñecémolos antes nas redes sociais ca na vida real. No seu "Diario dun neno labrego" feito desde a horta que ten en Parada de Vilamarín difunde o que vai cultivando ao longo de todo o ano de maneira tradicional para 60.000 seguidores, moitos deles de fóra de Galicia.

"Nós aprendiamos dos nosos avós, que nos transmitían o que eles coñecían da horta. Era unha pena que iso se fose perdendo. Cando empecei estaban aí as redes sociais e era un xeito de que quedase aí esa información: como se afiaba unha gadaña, como se sachaban uns allos ou como se plantaban uns tomates. Foi unha forma de transmitilo para as novas xeracións".

Precisamente este domingo era día de sachar os allos, que xa están medrados. Pero este mes de abril vai dar moito máis traballo.

"Aquí en Ourense hai xeadas ata finais de abril, pero a partir da terceira semana xa podemos empezar a poñer berenxenas, tomateiras, pementeiras, cabaciña... Despois hai que vixiar moito como van cos fungos porque as tomateiras e as berenxenas teñen ese problema. Hai que aplicar algún tipo de funxicida como a cola de cabalo,  xurro de ortigas ou caldo bordelés. E pouco traballo máis. Vixiar e ir á horta todos os días porque hai que observar ben os cultivos para que non teñan problemas"

E recollelos en canto estean chegados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade