Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno anuncia a activación esta semana das bonificacións na AP-53

O Goberno anuncia a activación esta semana das bonificacións na AP-53

As bonificacións permitirán aforros mensuais de ata 315 euros para vehículos lixeiros e 420 euros para pesados

Será gratuíto o traxecto de volta se se fai no día, haberá unha bonificación adicional do 50 % para quen faga 20 viaxes ao mes e os vehículos pesados terán un desconto automático do 50 % en todos os desprazamentos

Beneficiarnse dos descontos os condutores que usen o sistema de telepeaxe Vía-T

G24.gal 08/04/2025 12:23 Última actualización 08/04/2025 17:03

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible porá en marcha esta semana o novo esquema de bonificacións na peaxe da autopista AP-53, que conecta Santiago de Compostela co Alto de Santo Domingo (Dozón). Estas medidas permitirán importantes aforros para os condutores que empreguen esta vía, fundamental para comunicar o interior sur de Galicia.

As bonificacións foron aprobadas polo Consello de Ministros mediante un Real Decreto, e aplicaranse ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Estarán vixentes ata o remate da concesión, previsto para novembro de 2074.

O obxectivo destas medidas é fomentar o uso da autoestrada para mellorar a seguridade viaria e reducir a conxestión e os accidentes en estradas como a N-525, que presenta condicións de circulación máis esixentes.

Os condutores que usen o sistema de telepeaxe Vía-T poderán beneficiarse das seguintes bonificacións:

Gratuídade do traxecto de volta se se realiza en menos de 24 horas e no mesmo percorrido que a ida. Esta medida aplicarase todos os días, incluídos domingos e festivos.
Bonificación adicional do 50 % para quen realice polo menos vinte desprazamentos ao mes. Contabilizarase como un único traxecto o conxunto de viaxes realizadas nun mesmo día e nun mesmo sentido.
– Para vehículos pesados tipo 1 e 2, aplicarase un desconto automático do 50 % en todos os desprazamentos, independentemente de se o pagamento se realiza en efectivo, con tarxeta ou mediante telepeaxe.

Por exemplo, un condutor de vehículo lixeiro que realice viaxes diarias entre Ourense e Santiago, cun traxecto de ida e volta dentro das 24 horas, poderá aforrar ata 315 euros ao mes. Sen os descontos, o custo mensual sería de aproximadamente 420 euros.

Noutro caso, quen viaxe catro veces por semana e regrese o mesmo día, verá reducido o gasto mensual de 224 a 56 euros, o que supón un aforro do 75 % grazas á aplicación combinada das bonificacións.

Para financiar estas medidas, o Goberno prevé un orzamento de 14,3 millóns de euros para os anos 2025, 2026 e 2027. O investimento total ata o final da concesión ascenderá a 885 millóns de euros.

A AP-53, xunto coa N-525, forma parte dun corredor estratéxico de alta capacidade que conecta Santiago de Compostela con Ourense e co interior da península, sendo clave para a mobilidade no sur interior de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade