O queixo de San Simón da Costa impulsa a economía vilalbesa
Cada vez gozan de máis demanda no mercado as pezas de curación longa, que teñen un maior valor engadido
Das nove queixerías inscritas no Consello Regulador de San Simón da Costa, sete encóntranse en Vilalba. Con medio cento de postos de traballo, en conxunto xeran cada ano un volume de negocio duns cinco millóns de euros, o que as converte nun revulsivo para a economía local.
"Estamos crecendo. Algo facemos ben, pero temos que seguir pensando en que hai que mellorar e ir ata máis sitios. Chegamos aquí a base de moito esforzo de todas as queixerías, de toda a xente", di Daniel Pérez, presidente do Consello Regulador da D. O. San Simón da Costa.
Con forma de obús e afumado con madeira de bidueiro, tradicionalmente o queixo de San Simón cúrase durante 45 días. Pero, debido á demanda no mercado, a tendencia actual é a que as pezas maduren mesmo durante 200 días, o que xera un maior valor engadido.
"Ten máis intensidade, máis sabor e fúndese mellor. É para a xente que lle gusta o queixo intenso, e non ten tanto volumen de vendas como o San Simón normal, de 45 días", explica Daniel Pérez.
En 2024 elaboráronse preto de 700.000 quilos de queixo de San Simón. A maior parte das pezas pesaban algo máis dun quilo, mentres que o resto eran os chamados bufóns, de menor tamaño. Todas elas terán o seu escaparate na feira anual deste produto, que se vai celebrar a primeira fin de semana de abril.