Suspendida a distribución do libro coas confesións de José Bretón, condenado por asasinar os dous fillos
Suspendida a distribución do libro coas confesións de José Bretón, condenado por asasinar os dous fillos
A nai dos pequenos enviou un burofax á editorial Anagrama advertindo da ilegalidade da publicación

Anagrama suspendeu a distribución do libro 'O odio', escrito polo xornalista e escritor Luisgé Martín, onde se recollen as confesións de José Bretón sobre o asasinato dos seus dous fillos, Ruth e José, ocorrido no ano 2011 na leira familiar de Córdoba.
O proceso paralizouse á espera do resultado das análises dos servizos xurídicos.
A representación de Ruth Ortiz, a nai dos fillos, enviou un burofax á editorial Anagrama cun escrito no que advirte da ilegalidade da publicación deste libro.
O Servizo de Atención a Vítimas de Andalucía (SAVA) presentou previamente un escrito á Fiscalía de "solicitude de axuda, auxilio e amparo" asinado pola propia Ruth Ortiz, no que considera ilegal a publicación en base á Lei de protección civil do dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe, ademais da Lei Orgánica de Protección Integral da Infancia e a Adolescencia.
A nai de Ruth e José denunciou que coñeceu os detalles do libro, coa confesión do crime e outros detalles, a través dos medios de comunicación, recalcando que os mesmos lle están causando "unha tremenda dor e novos danos psicolóxicos", segundo a súa avogada.
"Está a asistir arrepiada a como a vida e asasinato dos seus dous fillos pequenos está exposta publicamente en todos os medios de comunicación con detalles, comentarios e expresións que nin sequera aparecen na sentenza, infestado de afirmacións terribles", recolle na denuncia.