O xuíz urxe a Transportes a que emita xa o seu informe sobre o Villa de Pitanxo
Ismael Moreno reclama que "remova os obstáculos" que impiden ao seu departamento emitir un informe sobre as causas do afundimento

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno dirixiuse ao secretario de Estado de Transportes para que "remova os obstáculos" que impiden ao seu departamento emitir un informe sobre as causas do afundimento do buque galego Villa de Pitanxo en febreiro de 2022, pendente desde hai case dous anos.
O maxistrado require ao Ministerio que dirixe Óscar Puente que, a través do seu secretario de Estado, remita "de maneira urxente" o correspondente informe, e solicita que acuse recibo do seu requirimento "de forma inmediata".
Faio "tendo en conta das dilacións que se están producindo" na investigación que dirixe desde o Xulgado Central de Instrución 2 da Audiencia Nacional.
Segundo explica o maxistrado, "ante a imposibilidade de concluír a instrución" da causa, o 21 de xullo de 2023 pediuse á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que anexase unha serie de documentos ao informe que estaba a elaborar das causas do afundimento do buque.
"Todos os datos, rexistros, gravacións, declaracións, interrogatorios, comunicacións, documentos e informes elaborados ou obtidos desde o inicio das investigacións levadas a cabo, así como calquera outra información obrante no expediente elaborado por ese órgano", solicitou o xuíz.
Tras reiterar a súa petición o 12 de abril, o 7 de maio e o 2 de outubro de 2024, Ismael Moreno ditou esta providencia na que comina ao Ministerio de Transportes a que emita xa o informe.
O maxistrado leva meses tratando de pechar a súa investigación, e o pasado febreiro tivo que prorrogala seis meses máis ao estar pendente, entre outras dilixencias, o mencionado informe.
O pesqueiro galego naufragou o 15 de febreiro de 2022 a 250 millas do porto de Saint John's, na illa de Terranova, provocando a morte de 21 mariñeiros. O patrón é un dos principais investigados, xunto a varios directivos da armadora, Pesqueiras Nores.
A Fiscalía ve indicios de delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores, e as familias das vítimas, que se querellaron contra o patrón e a armadora, tamén incluíron a posibilidade de que se incorrese noutro delito de falsidade documental.