O Numancia pide aliñación indebida do Pontevedra por unha acción polémica de Yelko Pino
Yelko Pino, un dos moitos suplentes do Pontevedra que se atopaban de pé na zona técnica, invadiu o céspede para entorpecer o avance de Góngora e cortar unha potencial situación de perigo
Os galegos venceron o duelo aprazado no grupo 1 de Segunda Federación
Lea polo ascenso a Primeira Federación. Pontevedra e Numancia, que pelexan por subir ao terceiro chanzo do fútbol español, medíronse na noite deste mércores en Pasarón no duelo aprazado da xornada 20. O partido, que se saldou con vitoria granate por 1-0 grazas ao gol de Dalisson, tivo un episodio polémico no tempo engadido. Cando o conxunto soriano saía ao contragolpe no minuto 94, Yelko Pino, un dos moitos suplentes do Pontevedra que se atopaban de pé na zona técnica, invadiu o céspede para entorpecer o avance de Góngora e cortar, deste xeito, unha potencial situación de perigo. Yelko, un dos futbolistas máis destacados do líder do grupo 1 de Segunda Federación e da revelación deste curso en Copa do Rei, foi amoestado pola súa acción.
Pero a polémica non acabou aí. O Numancia, a través das súas redes sociais, anunciou que reclamou ao Comité de Competición unha presunta aliñación indebida do Pontevedra por contar, nese momento, con doce futbolistas dentro do terreo de xogo. Ademais, presentará alegacións á acta pola vermella directa de De Frutos como consecuencia das posteriores protestas do Numancia.
🗣️ El #Numancia reclama al Comité de Competición de la @rfef presunta alineación indebida del #Pontevedra por la participación dentro del campo de Yelko Pino en la acción con Góngora en el partido de ayer en Pasarón
— CD Numancia (@cdnumancia) March 20, 2025
🗣️ El Club presenta alegaciones por la expulsión de De Frutos… pic.twitter.com/osnPvvPeN5
A acción foi xulgada polo árbitro Pacheco Cotero de maneira correcta, coa consecuente amoestación por ser un axente externo o que interfire no desenvolvemento do partido.
O Numancia pretende que lle dean o partido por gañado por 0-3 co recurso ante Competición, pero as posibilidades de que prospere son pequenas. A pesar de que, efectivamente, había un xogador máis nese momento sobre o terreo de xogo, esta situación do xogador extra está contemplada no regulamento e castigada a nivel disciplinario, pero non coa perda do encontro.
O Pontevedra defende que o asistente, na súa traxectoria pola banda, topou con Yelko Pino e empurrouno de maneira accidental ao terreo de xogo.