Publicador de contidos

Publicador de contidos

Emotiva homenaxe aos náufragos do Pitanxo tres anos despois

Emotiva homenaxe aos náufragos do Pitanxo tres anos despois

G24.gal 15/02/2025 15:15

Fai tres anos do naufraxio do Villa de Pitanxo, no que morreron 21 mariñeiros. Os seus familiares rendéronlles este sábado unha emotiva homenaxe. 

Das 21 vítimas 12 corpos nunca apareceron. Entre os tres superviventes, Samuel Kwesi, que na homenaxe de Marín tomou a palabra, emocionado e emocionando, dicindo que tres anos despois do naufraxio todo segue recente na súa cabeza. Neste terceiro aniversario, que incluíu unha misa, 21 familias lembraron os finados e os desaparecidos cunha dor, din, que non cesa. 

"Meu pai foi traballar a súa primeira marea para gañar cartos e poder sobrevivir. Para coidar de todos nós, E agora ao non estar estanos resultando moi triste", conta o fillo do falecido Pelungo Zure.

Os familiares das vítimas seguen pedindo xustiza. Porque a instrución da Audiencia Nacional segue prorrogada, o que non deixa á vista ningunha data concreta para dar apertura ao xuízo oral.

"Amolounos porque a prórroga son seis meses máis. O único que queremos é que se faga xustiza. Deberase saber todo ou case todo. Porque en realidade mirando o que hai, sempre están aparecendo cousas novas", conta o fillo do desaparecido Fernando González.

 "Queremos pechar xa o ciclo. Que se faga xustiza por eles, os 21, que necesitan descansar. Nós, as familias, tamén necesitamos descansar física e mentalmente", di a muller do desaparecido Pedro Herrera.

"O obxectivo, a meta, hoxe, queremos dicir de novo, tres anos despois: que se diga a verdade das causas e os motivos do falecemento das 21 persoas, de 21 dos nosos", explica María Xosé de Pazo, filla dunha vítima e voceira das familias das vítimas.

Os peritos e a CIAIM, a comisión que investiga os accidentes marítimos, cren que a causa máis probable do naufraxio foi un erro humano do capitán, Juan Padín, único investigado na causa como presunto autor de 21 delitos de homicidio imprudente. El, o seu sobriño Eduardo Rial e o mariñeiro Samuel Kwesi foron os únicos tres sobreviventes do afundimento do Villa de Pitanxo. 

O líder dos socialistas galegos solidarizouse cos familiares das vítimas do naufraxio e coa xente do mar. Gómez Besteiro mostrouse confiado en que se axilicen os trámites e este mesmo ano se poida celebrar o xuízo.

Tamén o conselleiro do Mar mostrou a súa solidariedade coa familia e reiterou o seu desexo de que se chegue ata o final sobre as causas do naufraxio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade