Arrestan en Turquía un home acusado en España de abuso sexual dun cento de menores
O detido, que fuxira antes da celebración do xuízo, estaba en busca e captura desde 2019

A Policía turca detivo a Youness en Naciri, un home acusado de abusar sexualmente de máis dun cento de menores e de participar na maior rede de pornografía infantil desartellada nunca en España, segundo informan medios turcos citando fontes da operación.
O arrestado, que estaba en busca e captura desde 2019, foi detido nun hotel da cidade de Bodrun, na costa mediterránea turca, nunha operación executada baixo unha orde internacional de arresto da Interpol, informa o diario Cumhuriyet.
O agora detido e outros dous implicados, Jean Luc Aschbacher e Christian Bernard Georges Arson, fuxiran antes do xuízo, celebrado na Audiencia de Tarragona en 2019. Os dous franceses foron detidos en maio de 2021, pero En Naciri estaba desde entón en paradoiro descoñecido.
Condenados
En agosto de 2020 Aschbacher, o líder da rede, foi sentenciado a 240 anos de cárcere por captar menores para sometelos a abusos sexuais nas que participaba el mesmo e por produción e distribución de pornografía infantil e pertenza a organización criminal.
A Arson condenárono a 19 anos de cárcere por captación de menores, produción e distribución de pornografía infantil, aínda que considera probado que non abusou das vítimas como si fixo o seu xefe.
Detención
Os medios turcos indican que as autoridades turcas recibiron información de que En Naciri se atopaba en Bodrun e iniciaron unha operación de vixilancia. O arresto produciuse este xoves no cuarto do hotel que ocupaba.
O detido, que, segundo a emisora turca Halk TV, é cidadán de Marrocos, asegurou ser un refuxiado palestino e negou ter pasaporte. A súa identidade foi confirmada cunha análise das súas impresións dixitais e o seu pasaporte foi localizado polas autoridades escondido na súa maleta.
Abusos sexuais
A rede de abuso e pornografía infantil na que está acusado de participar captaba menores en situación de vulnerabilidade para sometelos a abusos sexuais e filmalos en máis de 300 rodaxes, sobre todo nun piso da localidade española de Tortosa, aínda que tamén en países como Tailandia.
Estímase que as vítimas da rede foron máis dun cento, aínda que só se logrou identificar 18 de entre 11 e 16 anos, algunhas tuteladas pola Dirección Xeral de Atención á Infancia e á Adolescencia da comunidade autónoma de Cataluña.