O sistema de farmacovixilancia alerta de máis de 80 casos de sobredoses de vitamina D
A maioría dos galegos teñen déficit da que se coñece como a vitamina do sol, pero tomar suplementos por conta propia pode ter consecuencias irreversibles
A inclinación coa que inciden os raios do sol sobre nós non nos deixa suficiente vitamina D na maioría dos meses do ano.
"Só sería suficiente nos meses de xullo e agosto. No resto dos meses, entre que hai menos horas de luz e que a inclinación non é adecuada -ademais de que cada vez temos hábitos de vida máis no interior- está a provocar que os niveis que temos de xeito endóxeno baixen moito", explica Natalia Martínez, farmacéutica do Milladoiro.
Pero a vitamina D está tamén nos lácteos, nos ovos, no peixe azul e nos cogomelos. A súa función principal é a mineralización ósea, e por iso é importante para nenos, embarazadas e mulleres en menopausa. Tamén potencia o sistema inmune.
"O primeiro sempre é facer unha analítica para saber como estamos e, en base a iso, temos que ver se podemos solventalo cunha suplementación adecuada, ou se é conveniente ir ao médico para que nos dea unha de prescrición", advirte Natalia Martínez, farmacéutica do Milladoiro.
Sempre son importantes estes controis baixo supervisión do médico, porque a vitamina D, en exceso, ten moitos riscos.
"A axencia española do medicamento xa lanzou unha alerta de que realmente se están vendo sobredoses de vitamina D. E dado que a súa función principal é fixar o calcio, podemos chegar a niveis que poden ter consecuencias fatais no corazón, arritmias ou calcificacións renais", subliñou José Gómez Rial, xefe do Servizo de Inmunoloxía do CHUS.
Déronse xa 80 casos graves de sobredose desta vitamina, con consecuencia irreversibles que nos lembran a importancia de consultar co médico e levar un control.