Catrocentas farmacias galegas comezan a dispensar medicamentos non demorables
Os farmacéuticos avisan de que se trata dun procedemento excepcional, só para medicación moi importante e sempre con previo consentimento telefónico do médico
Unha chamada do farmacéutico ao centro de saúde para que o médico o autorice e a farmacia pode entón dispensar eses medicamentos que se consideran non demorables en casos moi urxentes.
"Desde que saíu a noticia, xa temos chamadas e xente que vén preguntar. Agora que hai problemas para ir ao centro de saúde a renovar receitas, isto parece o método máis cómodo, ir á farmacia e dicir 'quero renovar', pero non é así. É para unha dispensación urxente, nun caso determinado", explica Natalia Martínez Reboredo, farmacéutica.
Para casos exepcionais, moi urxentes e para medicación moi concreta, que se considera de vital importancia e que no caso de se suspender provocaría graves alteracións de saúde. Ademais da xa citada insulina, estarían por exemplo medicametos antipsicóticos, o sintrom, medicamentos para terapia inmunosupresora e os antiepilépticos. Cinco grupos de medicamentos en total e, de momento, só eses.
Tamén inciden os farmacéuticos en que non é un sistema para renovar un tratamento crónico, senón só para dispensar unha única caixa de urxencia. O teléfono, e polo tanto o servizo, só está operativo de luns a venres, de nove da mañá a nove da noite.