Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desmantelan unha rede de tráfico de medicamentos cun detido e varios médicos investigados en Cangas e Vigo

Desmantelan unha rede de tráfico de medicamentos cun detido e varios médicos investigados en Cangas e Vigo

 

Na rede, segundo informa a Subdelegación do Goberno, tamén están implicadas varias oficinas de farmacia

Edificio de Cangas en que a Garda Civil realizou unha redada a noite pasada
G24.gal 13/02/2025 11:25 Última actualización 13/02/2025 15:01

A Garda Civil detivo unha persoa na madrugada deste xoves e investiga outras 16, entre elas varios médicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), nunha operación contra o tráfico de medicamentos e drogas en Cangas e Vigo. A rede buscaba adquirir o ansiólitico Rivotril, que se vendía logo mesturado con outras drogas.

Segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, as actuacións levadas a cabo nas últimas horas forman parte dunha operación aberta desde hai meses. Este mércores realizouse un rexistro en Cangas, nun edificio abandonado e ocupado, e detiveron unha persoa, que estaba coa súa parella. Ademais, investigan outras 16.

"O que máis nos preocupa, desde o máximo respecto á presunción de inocencia, é a presunta implicación nesta rede de médicos do Sergas de Cangas e de Vigo, así como de varias farmacias", lamentou Losada nun comunicado difundido aos medios de comunicación.

A actuación, que segue aberta, está a ser dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Cangas, segundo engadiu o subdelegado, que eloxiou a actuación da Garda Civil.

A primeira alerta sobre o tráfico ilegal deste fármaco xurdira no Morrazo hai dous anos. En decembro pasado houbera unha primeira operación cun detido e varios médicos e boticas investigados. Nesta segunda parte da operación, ademais de practicar outra detención, a Garda Civil realizou un rexistro.

O Rivotril é un ansiolítico que só se pode adquirir con receita. A investigación de médicos e farmacias é pola posible expedición e uso fraudulento desas receitas.

Mesturando o Rivotril con haxix, con alcol ou ata con pegamento obtense unha droga potente e moi perigosa para a saúde. Como é barato, parece que os maiores consumidores son rapaces moi novos, mesmo menores de idade.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, preguntado polos medios de comunicación, asegurou non ter aínda información sobre o caso, pero mostrou o seu "máximo respecto" á investigación. "A Consellería de Sanidade está disposta a colaborar en todo o que sexa necesario", sentenciou Gómez Caamaño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade