Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ingresan en prisión catro dos cinco detidos polo alixo de droga comisado en Asturias

Ingresan en prisión catro dos cinco detidos polo alixo de droga comisado en Asturias

Os catro arrestados no Principado, tres franceses e un galego, ingresan en prisión provisional, comunicada e sen fianza

A Garda Civil aprehendeu 486 quilos de cocaína en bolsas de deporte ao afundirse unha narcolancha preto de Cudillero

O detido en Ribeira pasa a disposición xudicial O detido en Ribeira pasa a disposición xudicial
G24.gal 08/02/2025 10:07 Última actualización 09/02/2025 10:07

O home detido en Ribeira, pola súa suposta implicación no alixo de case 500 quilos de cocaína comisada en Asturias ao afundirse unha narcolancha, quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial este sábado no Barbanza, investigado por un delito de tráfico de drogas.

Os outros catro arrestados no Principado, os tres tripulantes da embarcación de nacionalidade francesa e outro galego, ingresaron en prisión provisional, comunicada e sen fianza, en base ao risco de fuga e á cantidade de droga aprehendida.

A Fiscalía, que considera os feitos "constitutivos dun delito contra a saúde pública", solicitara a medida cautelar por pertenza a organización criminal e tratarse dun delito de extraordinaria gravidade.

"Ademais, trátase dunha investigación en curso e, de quedaren os investigados en liberdade, poderían interferir na mesma e obstaculizar o bo fin da instrución. Doutra banda, no caso dos detidos estranxeiros, trátase de cidadáns que non teñen arraigamento e España, o cal incrementa o risco de subtracción da acción da Xustiza (fuga). Os investigados exerceron o seu dereito a non declarar", indicaban dende o Ministerio Fiscal.

Aviso por naufraxio

A Garda Civil e a Policía Nacional incautáronse este venres dun total de 486 quilos de cocaína tras recibir o aviso dun posible naufraxio a dez millas da costa de Cudillero. 

Dentro da embarcación atopábanse tres tripulantes que foron rescatados por Salvamento Marítimo e trasladados ao hospital de Jove, en Xixón, ao presentar síntomas de hipotermia.

Ao regresar ao lugar do afundimento para verificar a situación da lancha e comprobar se supoñía ou non un perigo para a navegación, Salvamento Marítimo decatouse "da presenza de varios vultos aboiando próximos á embarcación".

"É aí cando ao examinar o contido dos paquetes de sete bolsas de deporte, deciden dar aviso á Garda Civil que se fixo cargo da droga", indican fontes xudiciais.

Recuperadas 11 bolsas

Efectivos do Servizo Marítimo Provincial e da Unidade Aérea da Garda Civil de Asturias trasladáronse ao lugar do incidente, onde procederon  a recoller o resto dos vultos, así como a remolcar a embarcación ata o porto do Musel.

En total, localizaron 11 bolsas, das mesmas características que as recuperadas previamente. Cada unha destas bolsas contaba con 25 paquetes de algo máis dun quilogramo de peso.

O equipo de delincuencia organizada e antidroga (EDOA) da Garda Civil de Asturias comprobou que botaran unha embarcación desde a rampla do porto de San Esteban de Pravia a primeira hora da noite anterior, algo pouco habitual para estes traballos.

Tras localizar o propietario da embarcación e do remolque utilizado para o traslado ata o peirao, arrestaron esta persoa. Despois, grazas ao intercambio de información entre as forzas de seguridade, estableceuse a conexión do grupo cunha quinta persoa, detida en Ribeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade