Publicador de contidos

Publicador de contidos

En Barbate lembran os dous gardas civís que morreron hai un ano arrasados por unha narcolancha

En Barbate lembran os dous gardas civís que morreron hai un ano arrasados por unha narcolancha

Representantes da Benemérita reclaman máis medios para loitar contra o narcotráfico no Estreito

G24.gal 09/02/2025 14:59

Unha ofrenda floral no peirao de Barbate honraba este mediodía a memoria dos dous gardas civís que perderon a vida hai un ano, Miguel Ángel González e David Pérez Carracedo. Os familiares dos falecidos seguen a reclamar que os mandos da Benemérita dean a cara.

"Eu só pido que diga o que deu a orde: aquí estou eu, Como a min mo dixo no seu despacho. El díxomo a min que asumiría todas as responsabilidades da orde que deu", afirma Paqui Fernández, nai dun dos axentes falecidos.

En setembro do ano pasado foron detidos o piloto da narcolancha que os atacou, Karim El Bakali, de 32 anos, e dous acompañantes. Desde a Garda Civil piden xustiza e máis medios.

"Eles dérono todo, máis non se pode dar, máis da vida non se pode dar. Necesitamos materiais e medios para facer fronte como mínimo en igualdade de condicións que si teñen os delincuentes", sinala Juan Fernández, secretario xeral da Asociación Unificada da Garda Civil (AUSG).

Naquel 9 de febreiro do ano pasado, os mandos ordenaran que unha lancha pneumática con seis gardas civís a bordo fose identificar os tripulantes de varias narcolanchas que buscaban refuxio no porto de Barbate debido ao temporal.

O habitual é que os narcos opten por fuxir nesas circunstancias, pero neste caso lanzáronse contra a patrulleira con sete arremetidas en dous minutos e 47 segundos. Ademais dos dous falecidos, outros dous axentes resultaron feridos. Os sobreviventes dixeron despois que a operación fora improvisada polos mandos e suicida. Houbo un erro inicial na identificación dos atacantes e sete meses máis tarde foron detidos os verdadeiros culpables.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade