Detidas cinco persoas por asaltar en decembro unha casa en Vilalba
Levaron un tractor e maquinaria agrícola, que foi xa devolta aos propietarios
![Foto: Garda Civil](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250210/vilalba.jpg)
A Garda Civil detivo en Vilalba cinco persoas, de idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos, como presuntos autores dun roubo con forza nunha vivenda da parroquia de San Lourenzo de Árbol, en Vilalba.
Os feitos ocorreron na primeira quincena do pasado mes de decembro, cando os ladróns entraron ao domicilio forzando a porta e rexistraron a vivenda en busca de obxectos de valor. Posteriormente, forzaron as fechaduras duns alpendres anexos e levaron un tractor agrícola, así como diversa maquinaria.
A investigación da Garda Civil permitiu descubrir que os ladróns se presentaran na casa cun turismo, que logo utilizaron para remolcar o tractor e levalo ata o garaxe dun dos investigados.
Tras roubalo, someteron ao vehículo agrícola a unha completa posta a punto, repintaron o chasis e retiraron as placas de matrícula e causaron numerosos danos na vivenda, que aínda están a ser avaliados.
A Garda Civil logrou recuperar o tractor roubado e a maquinaria, que foron devoltos xa aos seus lexítimos propietarios.
Os cinco detidos, veciños de Vilalba, Begonte e Lourenzá, foron postos á disposición do Xulgado de Instrución de Vilalba.