Deteñen tres homes que roubaron 50.000 euros nun banco en Madrid
Dous deles atracaron unha sucursal en Morata de Tajuña, onde simularon pedir un préstamo, antes de ameazar con pistolas o empregado para que lles entregase os cartos
O outro implicado vixiaba desde o exterior co vehículo no que fuxiron
Deteñen tres homes que roubaron 50.000 euros nun banco en Madrid. O atraco sucedeu na localidade de Morata de Tajuña, onde dous homes entran na sucursal, como recollen as cámaras de seguridade, con gorra, lentes e monos de traballo e dinlle ao empregado que queren un préstamo.
Un deles exhibe de súpeto unha arma e ameázao para que abra a caixa forte. Logran a apertura, fanse co botín de 50.000 euros e foxen do lugar. A investigación da Garda Civil permitiu dar cun terceiro implicado que conducía o coche, de cor amarela, que utilizaron para escapar. Testemuñas do suceso permitíronlles aos investigadores da Garda Civil dar cos autores do atraco, debido ao rechamante que era o vehículo que utilizaron.
Un deles cumpría condena por outro atraco en Madrid. Ademais, os axentes da Garda Civil realizaron dous rexistros domiciliarios en Arganda del Rey e en Madrid capital e logrouse recuperar unha arma de fogo real, ademais de roupa utilizada nos atracos e cartos en efectivo.
A autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión dos dous autores materiais do feito, mentres que o terceiro detido, que subtraera o vehículo utilizado no atraco, quedou en liberdade con cargos.