Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden un plan de prevención da drogadicción para frear a vaga de roubos en Santiago

Piden un plan de prevención da drogadicción para frear a vaga de roubos en Santiago

"Os drogodependentes o que precisan son cartos para mercar a droga. Entón, ao que están recorrendo algúns deles é aos roubos. Se non atendemos á prevención, o problema vaise incrementar", din os colectivos veciñais

G24.gal 07/02/2025 14:24

Último roubo en Santiago, ou polo menos intento, e van uns cantos. Este nunha tenda de conxelados da zona nova. Romperon o cristal, que agora loce sen o logo, coa tapa dun sumidoiro para levar coma quen di nada, igual que xa nos contaran noutros asaltos.

"Nada, catro moedas foi o que levou. O que che carrexa é todo o traballo de ter que andar un lado para outro", contaba hai unhas semanas outra vítima.

O que se di ladróns de pouca monta, que teñen fartos a veciños e comerciantes. 

"A nós roubáronnos, a unha peixería de aquí roubáronlle cinco veces, á pensión Mera roubáronlle, aos propios veciños roubáronlle cousas dos coches porque, ao final, con pedras rompen o cristal e levan o que hai dentro", confirma outro comerciante

"Son operacións moi pouco planificadas. Violentan comercios, portas ou escaparates con tapas de sumidoiros, obxectos contundentes como un ferro que collen nunha obra o que indica que detrás hai a necesidade de conseguir cartos en efectivo con présa para comprar droga", explica José González Pértega, Inspector xefe do Grupo de Atención ao Cidadán da comisaría de Santiago.

Hai preocupación e malestar polo que consideran que ten a súa orixe nun aumento do consumo de drogas, e hai que ver que drogas! A presenza de xeringas é cada vez máis habitual no contorno do hospital.

"Que aparezan xeringas vén dicir que aquí está aparecendo o consumo de heroína. Parece que estamos volvendo aos anos 80 e non queremos chegar alá", advirte Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños Fonseca.

Varias asociacións de veciños da cidade reuníronse co Concello, e coa Policía Local e Nacional para pedir solucións, que van máis alá do aumento da presenza policial.

"Os drogodependentes o que precisan son cartos para mercar a droga. Entón, o método ao que están recorrendo algúns deles é aos roubos. Se non atendemos á prevención, o problema vaise incrementar", engade Almuíña.

Segundo as cifras oficiais, o número de delitos en Santiago, sobre todo os roubos con violencia, aumentaron algo o último ano, pero moi pouco pero a veciñanza pide mirar máis alá das estatísticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade